Monday 20 de May de 2024

A Xunta reune a preto de 80 profesionais de emerxencias nunha xornada sobre transporte de mercadorías perigosas na AGASP


Deuse a coñecer o fluxo de transporte deste tipo de mercadorías que transitan polo territorio galego tanto por estrada como por ferrocarril

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolleu a Xornada de formación sobre emerxencias derivadas do transporte por estrada e ferrocarril de mercadorías perigosas.

Preto de 80 persoas pertencentes aos servizos de emerxencias da nosa Comunidade participaron na xornada, na que se deu a coñecer o fluxo de transporte deste tipo de mercadorías que transitan polo territorio galego tanto por estrada como por ferrocarril.Esta iniciativa enmárcase tamén na implantación do Plan Transgal, elaborado para dar unha resposta eficaz fronte a este tipo de emerxencias.

Dende o ano 2004, a Xunta de Galicia está a estudar o fluxo de transporte de mercadorías perigosas, tendo en conta que este tipo de transporte resulta ser un asunto de seguridade.
A última actualización do fluxo fíxose no ano 2010, polo que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior procedeu á revisión do mapa, co obxectivo de que os servizos de Emerxencias e Protección Civil posúan información precisa. Así mesmo, desenvolveu a aplicación Mercpel, que contén a representación gráfica e numérica das rutas e itinerarios seguidos por este tipo de transporte, para cada substancia transportada, aplicación que será entregada aos servizos de emerxencias que asisten á xornada, o que lles permitirá avaliar o risco no seu ámbito de actuación e ter preparada e planificada a intervención, o que mellorará a súa capacidade de resposta.

Tamén no marco da xornada, responsables da Garda Civil explicaron a operativa dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado cando se detecta un incidente neste tipo de transporte, pois é fundamental coñecer como traballan todos os servizos en caso de accidente, co obxecto de mellorar a coordinación entre todos os actuantes.

Hidrocarburos
As substancias que máis transitan pola nosa comunidade son os hidrocarburos polo que na xornada participou tamén un representante do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Consorcio de Pontevedra, para explicar como se debe realizar a intervención en caso de accidente con estas substancias.

Hai que salientar a importancia que teñen este tipo de xornadas, pois melloran a formación dos servizos de emerxencias, garanten a coordinación efectiva entre eles, e incrementan a capacidade de resposta dos servizos do sistema integrado de emerxencias de Galicia.